Friday 17 de May de 2024

Fabiola García visita as novas instalacións da Fundación Degén cedidas pola Xunta na Casa do Mar da Coruña


Destináronse 83.000 euros á reforma, acondicionamento e equipamento das dependencias que funcionan como sede administrativa e de xestión da fundación

A Conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, reiterou hoxe o apoio da Xunta de Galicia á Fundación Degén na súa loita contra as enfermidades neurodexerativas. Fíxoo durante unha visita ás novas instalacións que a Fundación ten na Casa do Mar, na que destacou o importante traballo que realiza esta entidade no eido da investigación.

A Xunta cedeu á Fundación Degén un espazo na Casa do Mar para acoller a súa sede administrativa e de xestión, que ata agora non tiña e desde a que apoiará os proxectos de investigación médica que desenvolve nos centros hospitalarios. Estas novas instalacións contan con oficina, sala de reunións e biblioteca, e para poñelas en marcha a entidade contou cunha axuda da Administración autonómica de preto de 83.000 euros para a súa reforma, acondicionamento e equipamento.

O Goberno galego traballa na atención das persoas con demencias neurodexenerativas con máis servizos adaptados ás súas necesidades. A nosa comunidade é a única que conta cunha rede autonómica de centros de alzhéimer e desde o ano 2009 duplicáronse o número de prazas de atención diúrna especializados nesta doenza, ata superar na actualidade as 500.